Tuesday 23 de April de 2024

Presentación oficial do Dépor Campus


A Mancomunidade de Ordes colabora na celebración desta segunda edición, a cal se desenvolverá do 25 ao 29 de xuño nas instalacións de Vista Alegre. Dende hoxe xa se poden inscribir os nenos e nenas interesados de 6 a 14 anos

O Dépor Campus celebrará na comarca de Ordes a súa segunda edición. Concretamente desenvolverase do 25 ao 29 de xuño, de 10 a 14 horas, no campo de Vista Alegre, e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14. anos. O campus futbolístico organizado polo RC Deportivo da Coruña foi presentado oficialmente esta mañá en Ordes, nun acto no que se contou coa asistencia de Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Pablo Barroso, director do Dépor Campus; e Toño Vázquez, secretario da S.D. Club Ordes. Ademais de numerosos nenos e nenas tamén estiveron presentes os concelleiros do Goberno local Susana García, Xosé Manuel Rodríguez e Xosé Manuel Mira, ademais doutros membros da corporación como Luis Gómez e Roberto González.
A grande aceptación desta iniciativa refléxase nos datos. “A de Ordes é unha das mellores edicións. Tanto polo número de inscritos que o ano pasado chegaron a 60 como pola calidade das instalacións”, manifestou Pablo Barroso. Pola súa banda Toño Vázquez valorou positivamente a celebración deste campus “que supón unha grande oportunidade para a formación dos nosos técnicos ao poder traballar a carón dos do Dépor”. Pola súa banda o presidente da Mancomunidade animou a todos e a todas “a traballar forte e conxuntamente par lograr que o equipo de referencia da provincia á que pertence a comarca de Ordes regresa á primeira categoría”. O alcalde de Ordes agradeceu que “un ano máis o Dépor Campus regrese a Ordes”, e reiterou a súa colaboarción para todo o que sexa necesario.
Método propio
A mecánica do Dépor Campus baséase na aplicación do chamado método Dépor. Entre os obxectivos están os de aprender habilidades e conceptos en relación co corpo, co balón e co opoñente (1×1); aspectos coordinativos; traballar a fase de coordinación entre xogadores (2×1); competir e disfrutar con partidos (3×3, 5×5, 7×7); ademais de transmitir os valores que representa o club: respecto, solidariedade, amistade, xogo limpio, integración, esforzo e felicidade. Todos estes coñecementos e técnicas serán impartidos por profesionais do club herculino, apoiados por técnicos da S.D. Club Órdenes. Os contextos de ensinanza dos que farán uso serán: circuítos coordinativos, xogos de relación co balón, situacións básicas de aprendizaxe (1×1, 2×2, 3×3), rondos básicos e posicionais, xogos de posición, partidos reducidos e minipartidos, e xogo real englobado en competicións e ligas internas.
As inscricións xa se poden realizar ata o 21 de xuño a través do enlace http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/ordes-2018/inscribete. O prezo é de 120 euros. Os xogadores da S.D.C Ordes e do R.C Deportivo; as familias numerosas, as que teñan máis dun membro en paro ou que teñan máis dun fillo inscrito, así como os accionistas do club coruñés gozarán dun desconto especial de 20 euros. Cada xogador recibirá o debido equipamento: merenda diaria, entradas para encontros do torneo Teresa Herrera, material deportivo, ademais de entrar en distintos sorteos etc.
Aquelas persoas que precisen máis información poden visitar a páxina web http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/. Tamén poden chamar ao teléfono 981259500 ou ben enviar un correo electrónico a deporcampus@rcdeportivo.es